LEMBRANZAS DE ANCEU

anceu, un lugar para VIVIR

COSTUMISMO

A situación económica que obrigou á emigración, sobre todo de mocidade e adolescentes, deixou a Anceu con mulleres a cargo das persoas maiores da familia e das súas crianzas. Ás veces tiñan pouca descendencia e cunha diferenza
considerable de anos debido ás longas ausencias das súas cónxuxes que marcharon pouco despois da voda.

Era unha economía de supervivencia cunha ocupación maioritaria nas tarefas do campo e cos animais, en condicións moi precarias, e na que as crianzas tamén participaban dende moi pequenas en fogares nos que había un gran
respecto polas persoas maiores.

Os domingos era obrigatoria a asistencia á misa, momento especial para as relacións sociais así como ás festas de Anceu ou outras aldeas próximas. Un profundo sentimento relixioso estaba presente no interior de casas, con Petos de Ánimas na fachada e o rezo do rosario á noitiña, nun contexto de riqueza escultórica e arquitectónica herdada de cruceiros, capelas, Campo Santo e Igrexa entre outros.

As mulleres se reunían tamén nos pilóns cando ían lavar a roupa. Nas tabernas en Anceu, houbo ata tres á vez, os homes xogaban ás cartas e era donde paraban de volta da feira do Moscoso. A veciñanza colaboraba na matanza do porco, na malla, para levantar os palleiros…..

Tamén se lembra que nalgunha das tabernas, ou mesmo na casa da escola, facíanse bailes coa pandeireta como único instrumento, e a festa especial que supoñía que se sumase un acordeonista e bailar O Carrasquiño e outras cancións que os mozos aprendían no servizo militar.

Antonio Moure foi mestre na escola en dúas casas diferentes naqueles anos, e a señora Gumersa a súa criada. Maruja era a modista coa que moitas mozas aprenderon a coser.

Noia era o alcume do zapateiro que chegou da vila do mesmo nome. Barbosa era o encargado de decorar as paredes das casas con motivos e pinturas variadas.

A vida transcorría ao ritmo das badaladas. Barbosa, Erundina, Abilio, Rogelio de neno… ata Manuel Piñeiro Boullosa, o último ata que se fixo o toque automático, os campaneiros tocaban ás oito, ás doce e ás sete. No inverno non se subía ao campanario: poñíase un cabo ata a campá e acendíase un lume para combater o frío.

Tocaban diferente para avisar do lume, para a misa, naqueles anos en latín, case diaria en recordo dos defuntos, …só descansaban na Semana Santa ata o Domingo de
Resurrección. Un código sonoro coñecido por todos, que marcaba o tempo e sobre todo transmitía a pertenza a unha mesma comunidade.

anceu, un lugar para volver

EMIGRACIÓN

Xa no século XIX, ao igual que no XVIII, os desprazamentos por motivación de índole laboral e carácter estacional teñen como destino o interior peninsular: A Portugal, Lisboa y Porto, e a Andalucía e Castela, para traballos vitivinícolas e de servicio doméstico.

A mitade do século XIX aumentou a emigración hacia América, e desde Ponte Caldelas sobre todo a Brasil, debido á prolongada convivencia co mundo portugués, e xa se decanta pola cidade de Salvador de Bahía donde adicábanse a actividades comerciais e industriais, rexentando ou traballando en cafeterías, ferreterías, panaderías, ou almacéns de secos e molhaos.

A principios do século XX a poboación de Ponte Caldelas viuse reducida nun 17%: moita da mocidade case crianzas marcharon e houbo una alta mortalidade feminina.

As aportacións económicas das persoas migrantes son cuantiosas e permiten realizar moitas obras nos pobos do concello mesmo que construen grandes casas de estilo indiano.

Na primeira mitade do século XX se confirma un maior arraigo da emigración transoceánica ainda que se manteñen destinos como Porto e Lisboa nos que persoas adolescentes, que traballan en carbonerías ou casa de “petiscos” fundadas polas súas familias, emigrarán nos anos 60 a Francia, Suiza ou Alemania.

A festa das Dores en Anceu foi sempre unha data na que vir pasar uns días cada ano para as familias emigradas. Ainda que moitas non regresarían nunca para quedar e venderan as casas, a xubilación procurou a volta definitiva ou por longas tempadas doutros ata a actualidade.

anceu, Fogar de Danza celta

DANZA DE ANCEU

Descoñécese a antiguedade da Danza de Anceu xa que é unha tradición que se transmite de xeración en xeración dende tempos inmemoriais e foi cambiando en varios aspectos.

Tamén chamada Danza Celta, é un conxunto de cinco bailes que simbolizan a veneración á Virxe das Dores. Utilizánse castañuelas, vimbios, paus e cintas cun repertorio modificado nos anos 70 incorporando algunhas das tradicións de a Franqueira, como a do trenzado das cintas. O nucleo central mantense finalizando coas habituais reverencias diante da imaxe da Virxe na porta da Igrexa de Santo André de Anceu.

Na foto mais antiga, do ano 1929, os danzantes son oito homes. As mulleres, solteiras, incorporáronse ao redor dos anos 30 do século XX, cando moitos mozos estaban na emigración, no servizo militar, ou na guerra. A idade tamén foi cambiando ata rebaixar de 12 a 7 anos, e o número de persoas danzando fluctuaba entre catro e seis parellas.

As camisa, faldas e pantalóns eran brancas, roupa fresca feita con algodón dos sacos de fariña que traían ou mandaban as persoas emigradas en Brasil cos que tamén se confeccionaba roupa interior para as mulleres. Por riba vestían un mandil estampado de cores que desapareceu. O mesmo pasou coa gorra coronada cunha flor agranatada, “flor da danza”. Por riba do mandil levaban un mantón cruzado que pasaron a levar de forma intermitente as mulleres, e que foi sustituido por bandas azuis cruzando o peito no caso dos homes.

A confección corría a cargo de Maruja, a modista con quen moitas mozas aprenderon a coser, e de Emilia dos Casás no ano no que as faldas incorporaron a banda azul.

AGRADECEMENTOS

O noso máis sincero agradecemento a:
Rosabel Piñeiro Boullosa, Dulce Rei Dávila e ao seu marido Rogelio, Laura Santana Garrido, Jesús Pérez Cima e a súa filla Chus, Carmen Montero Pérez
que cederon xentilmente as súas fotografías para este proxecto e compartiron connosco o seu tempo e lembranzas.
O mesmo que para Domingo Luís González Lopo, polo traballo precursor de investigación das tradicións e historia de Anceu cuxas publicacións puidemos consultar.
Que esta mostra de lembranza, e na honra das persoas que poboaron Anceu no pasado, sexa estímulo á colaboración da veciñanza para enriquecer o arquivo fotográfico da historia do pobo de Anceu.